Hoxe queremos amosarvos os traballos que se prsentaron ao concurso Olla a Palabra do Día, convocado por Real Academia Galega a través do Portal das Palabras.
27/11/20
Concurso Olla a Palabra do Día!
21/11/20
Novembro: mes da ciencia en galego
O feitizo da ciencia.
Está en todas partes. Dentro do teu ordenador, no microondas e na neveira
da cociña, en todos os medicamentos que tomamos de cando en vez, nos
instrumentos de medición que hai nos hospitais, nas lámpadas que dan luz cando
marcha o Sol, no motor do coche e do patinete eléctrico... chámase ciencia e é
unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para
tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo.
A ciencia non é unha cousa escura que só se fai en complexos laboratorios, senón
que, por riba de todo, é unha maneira de pensar, unha actitude para chegar ao
coñecemento. Consiste en observar a natureza con paciencia e curiosidade,
dun xeito rigoroso e meticuloso, co obxectivo de, pouco a pouco, descubrir os
mecanismos que se agochan detrás dunha planta que agroma, dun bebé que
comeza a camiñar, dun volcán en erupción ou dun medicamento que elimina a dor
de cabeza. O traballo da ciencia pode facerse cun lapis e un papel, anotando o
paso de aves migratorias, propoñendo unha hipótese brillante para explicar algún
fenómeno da natureza, ou desenvolvendo unha solución matemática para calcular
a danza aérea dunha bolboreta. E, por suposto, o traballo da ciencia tamén se fai
nas instalacións que hai nos centros de investigación e de ensino, desde as máis
simples ata as máis especializadas.
En Galicia temos a fortuna de poder facer ciencia de calidade nos laboratorios
das universidades e doutros centros de ensino. O importante e botarlle ilusión,
paciencia e moita imaxinación. Pero ademais de facer ciencia, todos podemos
gozar do traballo, das achegas e das vidas das científicas e dos científicos
mergullándonos nos libros. Cada libro é unha viaxe interestelar á mente doutras
persoas, ás súas aventuras, penas e alegrías. Nas nosas bibliotecas podemos
gozar sen límite con relatos abraiantes sobre o funcionamento do cerebro, a vida
das abellas ou a construción dun aeroplano. Cada libro é unha xoia capaz de
alimentar e de estimular a mente. E ademais podemos gozalos na nosa lingua, en
galego, porque a ciencia fala todos os idiomas, pode emocionar todas as mentes.
O mes da ciencia en galego nas bibliotecas é unha
oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola
maxia dos libros e do coñecemento que atesouran.
Pero, ollo; esta actividade é profundamente aditiva
e, sen que un se decate, pode acabar gozando da
lectura todos os días do ano.
Xurxo Mariño Alfonso
Profesor, investigador e divulgador científico
Dep. Legal: C 1366-2020
O feitizo da ciencia